Friday 29 de March de 2024

Unha nova edición das Xornadas Micolóxicas da Pobra pon en valor os cogomelos


A cuarta edición das Xornadas Micolóxicas chega á Pobra do Caramiñal cunha programación composta por coloquios, obradoiros, saída ao campo, exposición, concurso fotográfico e showcooking e degustación. Así o desvelaron este mediodía o alcalde Xosé Lois Piñeiro; a concelleira do Medio Ambiente, Genoveva Hermo; e a técnica municipal desta área, Beatriz González.
Neste 2020, a cita esténdese do día 11 ao 15 de novembro. Arrancará no mércores 11, coa charla introdutoria e conexión telemática sobre proxectos de Coutos micolóxicos con relatores de Galicia e Navarra. Terá lugar ás 20.30 horas no Auditorio do Museo Valle-Inclán. No venres 13, ás 20.30 horas, o Elma albergará a conferencia Intoxicacións por cogomelos, a cal será impartida por José Manuel Castro Marcote, coautor da guía Cogomelos de Galicia e do Noroeste Peninsular.
Xa no sábado 14, desenvolveranse os obradoiros no local da confraría. O primeiro deles será na quenda da mañá, en horario de 10.00 a 14.00 horas, dirixido a cativos e cativas con idades entre os 10 e 12 anos. Trátase dunha actividade de iniciación ao debuxo da natureza titulada Bosquexo de campo: os
cogomelos, da man de Calros Silvar, ilustrador de varias guías da natureza. O segundo transcorrerá na quenda da tarde, de 18.00 a 20.00 horas, destinado a persoas maiores de 12 anos. Trátase dun taller de cultivo de cogomelos que, baixo o nome Cultivo de Pleurotus ostreatus, correrá a cargo de Ventos Estudos Ambientais. A cabida máxima para o primeiro estipúlase en 12 persoas asistentes, mentres que no segundo é de 15. En ámbolos casos, o material é de balde.
Finalmente, no domingo 15 haberá saída ao campo con José Manuel Castro Marcote, de 10.00 a 13.00 horas. O límite de prazas establécese nas 20 e o traslado será en vehículos propios. Deseguido, a partir das 13.00 horas, será o momento da exposición de cogomelos no mercado de abastos, así como a
resolución de dúbidas. Ademais, ás 13.30 horas, procederase á entrega de premios ás persoas gañadoras do IV Concurso Fotográfico de Micoloxía. E, como colofón, Kike Piñeiro e Eloy Cancela (A Horta do Obradoiro) ofrecerán, dende as 14.00 e ata as 14.30 horas, un showcooking e degustación de cogomelos. Estipúlase un máximo de 20 persoas participantes, con preferencia para aquelas xa anotadas na saída ao campo.

Seguiranse as medidas implantadas por mor da COVID-19, polo que tódalas persoas interesadas deberán formaliza-la súa inscrición de balde a través do enderezo electrónico medioambiente@apobra.gal. No caso dos coloquios, tamén se require asistir con 10 minutos de antelación ao comezo da actividade.
Respecto ao concurso fotográfico, a edil Genoveva Hermo indicou que medrou o número de inscritos en comparación co ano pasado, pois esta convocatoria conta con 62 participantes. Tamén destacou a calidade das imaxes presentadas, poñendo como exemplo a fotografía que ilustra o cartel e que resultou gañadora na terceira edición. Os premios consistirán en bonos de compra no comercio local e establecementos de restauración do municipio (un total de 750 euros), considerándose tres galardóns con diferentes contías.
Na súa intervención, a técnica do Medio Ambiente, Beatriz González, manifestou que “é unha alegría que aumente o número de participantes”, o cal se traduce, segundo apuntou, nunha mostra da implicación por parte da veciñanza.
Pola súa parte, o rexedor Xosé Lois Piñeiro sinalou que son unhas xornadas “que teñen a intención de ser unha das actividades relevantes dentro da programación de Medio Ambiente, sempre perseguindo non só o coñecemento micolóxico, senón que tamén busca o respecto polo medio, por coidalo”.